Festival Sinsal Logo

Acid Mothers Temple

28 Oct 2007
Auditorio Caixanova -

Vigo


12€

ACID MOTHERS TEMPLE: fora de límites.

Intentaremos pór algo de luz nunha traxectoria complexa que afortunadamente deixou de ser unha lenda exótica, non exenta de tabús e elucubracións, para converterse nunha das testemuñas máis apaixoantes do rock contemporáneo. ¿Demasiado raros, excéntricos, marcianos? Acid Mothers Temple son un grupo de Rock: ácido, psicodélico, progresivo, krautrock, space rock, como se queira, pero Rock.
O primeiro muro que hai que derrubar é o do "son xaponés", esa fantasía que nos leva a identificar cada proxecto nipón cos anos da postguerra, os “natkafé”, a improvisación, o freejazz, o ruidismo e bandas como Group Ongaku, Taj Mahal Travellers, Flower Travellin` Band, Tokyo Kid Brothers, Les Rallizes Denudes e moitos outros nomes ligados á vangarda dos sesentas e setentas. Makoto Kawabata, o condutor de Acid Mothers Temple di que non ten nada que ver con iso e que ata agora non lle interesa demasiado a non ser o guitarrista -non podía ser outro- Keiji Haino. O seu é outra camiño que lle levou, á pluma de moitos dos grandes analistas contemporáneos da música popular, a ser un dos grandes guitarristas da éra "post-Hendrix" . Cando os críticos subscriben unhas palabras tan barrocas non é porque Makoto Kawabata toque como os anxos, se non porque poucos artistas exploraron tan afondo a psicodelia das últimas décadas. Para el, Acid Mothers Temple é un grupo de EXTREME TRIP MUSIC, ese estilo que non sabe definir e que busca en cada concerto desde que á idade de cinco anos descubriu unha das súas maiores influencias sonoras: a performance con 50 altofalantes de Karlheinz Stockhausen para a Expo Universal de 1970 en Osaka (Xapón). Di que desde ese día non para de escoitar música desde o Cosmos e que esa é a súa mellor fonte de sabedoría; bo xunto á electroacústica, Terry Riley, o krautrock, a música india, Univers Zero, Mothers of Invention, o hard rock, Gong, Guru Guru, o rock progresivo e sempre Jimi Hendrix.

JPEG - 142.1 KB

Ata aquí unha historia:a de Makoto. Agora ben, Acid Mothers Temple é unha célula moito máis complexa e ten tantas divisións como proxectos paralelos, discos editados -imposible seguirlles a pista a todos- e músicos entrando e saíndo do seu núcleo principal -que se rexenera varias veces ao ano-. Sobre isto último tamén circulaba a idea de comuna artística de músicos e pintores "xuntos e revoltos" nalgunha aldea perdida de Xapón que co tempo -e información- pasou a ser outro muro feito cachizas, pois parte dos seus integrantes temporais viven en distintos puntos da "illa" e só se reúnen para gravar nalgunha das mil almas distintas que ten esta gran familia: Acid Mothers Temple & the Melting Paraiso U.F.O, Acid Mothers Temple & the Cosmic Inferno, Acid Mothers Afrirampo, Acid Mothers Temple & The Pink Ladies Blues, Acid Mothers Temple SWR, Acid Mothers Temple and The Incredible Strange Band e Acid Mothers Gong.

De momento, e para entendernos, imos presentarlles así: Acid Mothers Temple e ,sobra dicir, tanto se che gusta calquera das referencias que nomeamos, coma se non, que o seu concerto no Salón Sinsal de Outono é unha experiencia que hai que vivir, polo menos unha vez na vida. Quen sabe, se cadra tamén pasas á súa familia.

Vídeos para dar e tomar.

web.