Festival Sinsal Logo

Bledo + Pira + Dj Philister

10 Sep 2015
Museo MARCO -

Príncipe 54

PIRA: Lucrecia Dalt + Don The Tiger

Lucrecia Dalt explora novas formas de facer colisionar melodías e estruturas abstractas. Colombiana, aínda que afincada en Berlín, factura un pop electrónico tan confesional, orgánico, delicado e humano como metafísico, complexo e tecnolóxico.

Colaborou co netlabel de Medellín Series Media, os berlineses F.S.Blumm, Gudrun Gut, Rashad Becker e Barbara Morgenstern, coa americana Julia Holter e máis recentemente co grupo de colaboración telepática conformado por Laurel Halo, Rashad Becker, Julia Holter, Gregoire Simon, Kohei Matsunaga e Charlotte Collin. Despois de mudarse a España e máis recentemente a Alemaña, Lucrecia pasou por festivais como o Sonar, Le Guess Who?, MadeiraDiG, Worldtronics, Fusion e fixo de entrante en xiras coa americana Julia Holter e coa banda canadense Suuns.


Adrián de Alfonso é Don the Tiger e foi un dos músicos máis activos e inquedos do subsolo musical barcelonés dos 2000. A súa presenza destaca non só á fronte de bandas como Bestia Ferida, Veracruz, Capitán e Homenatges, senón tamén acompañando ou improvisando xunto a Lydia Lunch, Mark Cunningham ou Weasel Walter. A mediados do 2011 de Alfonso trasladouse a Berlín, onde encontrou a enerxía e o espazo suficiente para solidificar a súa proposta e gravar "Varadero", o seu debut como Don the Tiger tras 15 anos de experimentos con fitas. "Varadero" rebaixa os instintos asasinos do primeiro tigre (ao que lle obsesionaba o ruído e a furia de Esplendor Geométrico, Scorn e Keiji Haino) para internarse en terreos máis melódicos e emocionantes.


BLEDO: Dean Roberts + Krapoola

David Gómez Krapoola é un dos personaxes clave para entender o subsolo madrileño da primeira década deste século. O seu entusiasta e intenso labor exerceu de elemento aglutinador para un dos períodos máis buliciosos da música subterránea deste país. David estendeu os seus tentáculos en múltiples direccións: dende a súa propia produción artística, ata a pioneira edición de traballos a través do seu selo Grandmoff Works; pasando polo seu desempeño como pinchadiscos sui generis ou á organización de concertos e actividades de distinta pelaxe. Actualmente afincado en Berlín, Krapoola é un personaxe idiosincrático e escorregadizo, cuxa proposta está a cabalo do accionismo vienés, as estéticas ruidistas e as instalacións sonoras.

Dean Roberts é unha das cabezas visibles da música contemporánea en Nova Zelandia e produciu unha serie de álbums a través do prestixioso selo KRANKY. En forma de grupo de rock en Thela, baixo o seu nome ou seudónimo ou en proxectos experimentais coma Autistic Daughters, o neozelandés Dean Roberts leva xa varias décadas instalado – que non acomodado – na vangarda. Diversas liñas de conexión o achegan a Kranky Records, aos Sonic Youth mais ruidistas ou Jim O’Rourke, entre moitos outros.

Entre cambio e cambio será o turno de Dj Philister, un habitual de clubes underground berlineses como Keith Bar, Agent Orange, Bartleby & Co., Isis, O’Tannenbaum e Waterloo.

MERCAR ENTRADAS