Festival Sinsal Logo

Estación Verán #4

SINSAL 4.0 _ESTACIÓN VERÁN

Auditorio do Centro Cultural Caixanova, Martes 4 de Xullo.
Entrada 15€ en venta online. _Portas abertas ás 22.00 horas.

COCOROSIE [usa _Touch & Go] _ás 21.00 horas
http://www.cocorosieland.com//

Se sete doncelas con sete estropallos o fregasen noite e día, cres ti -preguntou a Morsa-, que por fin se limparía? -dubídoo, dixo o Carpinteiro, cunha bágoa na pupila.

Recorremos a Alicia, ao mundo das marabillas ideado por Lewis Carroll para situar a CocoRosie, unha moza que adoita pintar bigotes e a súa irmá que adoita pintar bágoas debaixo das pupilas. Falamos dunha parella que aínda provoca arreguizos ao recordar a catarata de adxectivos que espertaron tras presentar, hai dous anos, un debut fantástico -A maison de mon rêve, Touch and Go. Un disco que non deixou indiferente a ninguén dos que acudiron a el adrede, e tampouco aos que tropezaron nel sen querer. Unha proposta todo inocencia; atrezzo playskool acompañando cantos de serea dun corte clásico afín a María Calas ou a Billie Holiday. Arias debuxadas a través dun lapis plastidecor nun pentagrama onde caben palabras como frescura, orixinalidade ou ese encanto naïve que parecen posuír só elas. O ano pasado o seu segundo disco -Noah’s ark, tamén para Touch and Go- nacía con esa inxusta necesidade de superar o seu irmán maior, e malia recibir algunha crítica malvada, sería tremendamente inxusto non recoñecer que a bañeira que compartían estas irmás no seu piso de París segue producindo as mesmas burbullas ensoñadoras que hai dous anos, convertendo unha vez máis o seu directo nunha das experiencias máis impactantes do momento.

Se a pregunta formulada pola Morsa no encabezado fixese alusión ao recordo que nos deixaron tras visitar a sala Vademecum en novembro de 2004, xunto a Antony and the Johnsons, a resposta despexaría a dúbida do Carpinteiro. Recordos como aquel son imposibles de borrar, nin con sete estropallos.