Festival Sinsal Logo

Evangelista

01 Feb 2009
Museo MARCO -

Vigo


12€

Evangelista

Salón SINSAL. Museo MARCO de Vigo.
1 de febreiro, ás 19:45 horas Entrada: 12 euros

http://www.carlabozulich.com/
http://www.evangelistasounds.com/
http://www.myspace.com/evangelistasounds

A banda Evangelista xurdiu das digresións sonoras da californiana Carla Bozulich xunta a un núcleo cotián de músicos, entre eles Tara Barnes, Dominic Cramp e Ches Smith. Figura absolutamente iconográfica da cultura marxinal nortamericana ao longo das dúas últimas décadas, de extenso currículo non só na música experimental senón tamén nas artes performativas e na literatura máis outsider, Bozulich estrea o Festival SINSAL 7 o 1 de febreiro, no MARCO de Vigo, pondo ao vivo o álbum de catarse Hello Voyager, editado en 2008 polo selo canadiano Constellation (Godspeed You! Black Emperor, The Silver Mt. Zion, ...). Momento maior dunha discografía complexa, Hello Voyager é un disco de estrañas dicotomías, unha crúa odisea emocional por territorios country de abafantes e destemidos espazos.

Non hai atrancos na música de Carla Bozulich. O seu xeito de estrompar a canción americana nun espanto de voz e guitarra agavea até a máis alta das ruínas, algures onde se cruzan Patti Smith e Jarboe, como se alí se acreditase que a música, ou é perigosa, ou non é nada.

A brutalidade en carne viva e as excéntricas visións sonoras de Bozulich recoñécense tamén en Evangelista, a banda nacida tras o éxito do seu anterior disco en solitario, chamado... Evangelista. Estraño? Non para a ex-The Geraldine Fibbers, a quen se lle adoita atribuír as maneiras doutras cantantes tan desemellantes coma Diamanda Galás, Kristeen Young, Lydia Lunch ou Kim Gordon. No fondo estamos diante dunha rocker transida polo soul, pola relixiosidade gospel, por un experimentalismo chamánico, ou pola urxencia do punk. Formados por un elenco de luxo no que pontifica o percusionista Ches Smith, celebridade do free-jazz máis underground, os Evangelista no Festival SINSAL 7 serán unha oportunidade única para testemuñarmos como resultan ao vivo as pérolas de Hello Voyager. Gravado nos afamados estudios “Hotel2Tango” de Montreal, contou coa participación dalgúns dos músicos de Silver Mt Zion e saíu o mercado a través do prestixioso selo Constellation.

Carla Bozulich – Voz e guitarra
Dominic Cramp – Teclado e samplers
Francesco Guerri – Violoncelo
Ches Smith – Bateria
Tara Barnes – Baixo

JPEG - 46.2 KB
JPEG - 19.9 KB