Festival Sinsal Logo

Kassin + 2

18 Feb 2008
Centro Cultural Caixanova -

Vigo


12€

Para entender de onde vén a riqueza de Futurismo (2007), o último disco de Kassin+2, cómpre dar un paseo polo sur de Rio de Janeiro. Nas poirentas tendas de discos dos soportais ruinosos de Copacabana pódese sentir o crepitar dos vinilos nos clásicos da música popular brasileira dos 60, como Elis Regina ou Jorge Ben. Na bohemia Santa Theresa, os sons psicodélicos dos Mutantes e Tom Zé. Ao longo do paseo da praia de Ipanema, a bossa nova de Tom Jobim e João Gilberto, reflexo desta elegante beira da cidade. E en todos os lados, dende o centro da cidade até os arrabaldes máis periféricos, o samba, mentres nas favelas dos outeiros, os golpes e o ruxir do favela funk expresan unha realidade ben máis dura.

Futurismo é o novo retrato desa ricaz variedade cultural, étnica e musical de Rio. Última parte da triloxía +2 (os compañeiros de banda Moreno Veloso e Domenico Lancellotti foron os nomes que encabezaron os dous primeiros traballos), este disco é tan carioca como as hawaianas, as caipirinhas e a habilidade de pasar o día na praia sen levar para a casa a area apegada ao corpo. Alexandre Kassin, un nativo de Rio que leva toda a vida na procura de tesouros en vinilo, di que cando fai un álbum quere que encaixe felizmente na súa colección de discos. Este último vai máis alá: é como unha colección dentro dunha colección que contén o seu mundo.

Kassin+2 é unha sociedade musical que até o momento leva gravados tres álbums con tres eixes alternativos: unha cara, un nome e un son diferentes. O primeiro foi o de Moreno Veloso, o fillo do popular Caetano Veloso, e chamouse Music Typewriter (2000); seguiulle o de Domenico, Sincerely Hot (2004), e o pasado ano publicouse en Luaka Bop o de Alexandre Kassin, este Futurismo que o 18 de febreiro presentarán no Centro Cultural Caixanova.

Benvidos á porta xiratoria musical que forman Moreno, Domenico e Kassin. As súas florecentes traxectorias individuais, até hoxe, inclúen moitos anos de experiencia en xiras con algúns dos pais fundadores da bossa nova e colaboracións con músicos tan diversos como o produtor dos Beastie Boys, Mario Caldato, o gurú Arto Lindsay ou o artista Takako Minekawa. De estilo pioneiro, consumados instrumentalistas, respectados produtores, herdeiros dunha familia de tropicàlia e samba, e á vangarda dunha nova xeración de músicos brasileiros, son tres artistas consumados cuxa mestura única da canción tradicional brasileira cos ritmos raros e os sons de electrónica contemporánea está a definir o son do novo Brasil.

Alexandre Kassin

Principal compositor, produtor e cantante deste Futurismo, Alexandre Kassin creou unha música que reflicte o corazón da súa vella colección de discos: unha mestura de samba, rock de garaxe e bolero, todo modulado con adobíos electrónicos e retallos de bossa nova. Nas súas propias palabras o título é, en realidade, o contrario do disco. Nas súas propias palabras, “hoje existe uma generalização muito grande sobre o que as pessoas esperam que seja moderno, ou o que seja retrô, ou que seja atual. Tudo é muito generalizado. Se você quer que algo soe fresco, a pior coisa é tentar e querer ser moderno. Ser "moderno" é uma maneira de ser antigo, na verdade. A gente tinha essa idéia de que o disco pudesse ter sido feito em qualquer época. Que ele pudesse soar atual agora, em 1950 e daqui a cem anos."

Kassin naceu e criouse en Rio de Janeiro. É o que chamamos un puro carioca. Por influencia do seu irmán, que era DJ, afíxose dende cativo a escoitar todo tipo de música de dentro e fóra de Brasil. Cando tiña oito anos, comprou o primeiro álbum da súa vida: un disco de Kraftwerk que o deixou completamente abraiado. En 1996 gravou o seu primeiro disco coa súa banda Acabou La Tequila, entre tex-mex e ska. Dende o comezo, mantívose no lado máis experimental e estrafalario da música. Non só é baixista senón tamén coñecido produtor e colaborador de artistas como Lenine, Marisa Monte, Bebel Gilberto e Arto Lindsay, entre outros. En 2002 produciu Eu nao peço desculpa, de Caetano Veloso e Jorge Mautner. “Nunca me preocupou o país de procedencia da música. Creo que é moi discriminatorio categorizar a música en determinados marcos. Como pasa con toda a música, non sendo a que provén de Estados Unidos e Europa, que sempre se clasifica como world music. Na miña opinión é una forma de pensar moi colonial”, argumenta o autor principal de Futurismo.

Moreno Veloso

Naceu en Bahía, berce de moitos ritmos afrobrasileiros. En 1996 formou parte, xunto con amigos seus e outros artistas, da banda Gold Nyte Warszawa, que facía música experimental e tradicional brasileira. Ten no seu haber numerosas experiencias en xiras con artistas como Gilberto Gil ou co seu pai, o lendario poeta da samba e fundador do tropicalismo Caetano Veloso. Excelente cantante, Moreno Veloso ten unha grandes habilidade e moito talento para tocar varios instrumentos, como a guitarra, o cello, a trompeta, a pandeireta, percusión, etc.

Domenico Lancellotti

Naceu en Río de Janeiro en 1972. Fillo dunha familia de ascendencia italiana, o seu pai, Ivor Lancellotti, é un coñecido e respectado compositor e cantante de samba. Domenico criouse rodeado de samba e moi influído polos seus ritmos.

www.myspace.com/kassinplus2