Festival Sinsal Logo

Konono No 1

28 Jun 2008
Teatro Novacaixagalicia -

Vigo


10€


Teatro Centro Cultural Caixanova
Sábado 28 de xuño. 22H. 10/15€


Desconto do 50% para a comunidade universitaria de Vigo
Abono verán: 25€. Dá acceso a tódolos eventos da estación.

Proxecto iniciado hai 25 anos por Mingiedi, un virtuoso do likembé ou piano de
polgar, instrumento tradicional do seu país, Konono No 1 deixa de lado os tópicos
da música africana –tambores contundentes e delicadas koras- para facer unha
proposta singular: con métodos puramente artesanais, empregando ferralla ou
mesmo precaria tecnoloxía colonial, como os altofalantes que usaban os belgas
para difundir a súa propaganda, electrifican os sons da etnia bazombo para
producir un son inverosímil, saturado e distorsionado. O que empezou como un
xeito de combater o infernal ruído das rúas de Kinshasa é hoxe un espectáculo que
conta coa beizón da crítica especializada, como as revistas Wire ou Mojo, e dos
medios xeneralistas máis influíntes, caso do New York Times ou The Guardian.

A formación habitual da banda componse de tres likembés eléctricos (baixo, medio
e alto) equipados con micrófonos artesanais construídos a partir de pezas de
coches antigos e conectados a amplificadores convencionais. Esta parte central do
grupo acompáñase de tres cantantes, tres bailaríns, unha sección rítmica que
combina percusións tradicionais e domésticas (potas, tixolas e ferralla) e un sound
system equipado cos famosos altofalantes do exército colonial belga.

Os músicos de Konono No 1 proceden dunha rexión estremeira entre Congo e
Angola. O seu repertorio prende na música ancestral da etnia bazombo, pero a
partir da improvisada amplificación, e case dun xeito involuntario, a súa sonoridade
enfía un camiño distinto que a emparenta coa música electrónica e experimental
que se factura en Europa ou nos EUA. Congotronics, o seu primeiro álbum de
estudio, foi gravado e producido por Vincent Kenis, un gran coñecedor da música
congolesa e responsábel do son, entre outros, de Zap Mama, Taraf de Haïdouks e
Koçani Orkestar. Publicado en 2005 polo selo Crammed, foi un éxito inmediato e
colocou aos Konono No 1 no foco da crítica especializada e de moitos músicos de
vangarda, entre eles a islandesa Björk, para a que veñen de gravar un tema baixo a
produción do popular e omnipresente Timbaland.

www.crammed.be/konono
www.myspace.com/konononr1

JPEG - 58 KB