Festival Sinsal Logo

LoneLady

25 Sep 2015
Sala Master -

Urzaiz 1. Vigo

De nome real Julie Campbell e procedente de Manchester, LoneLady loce a aura de ser unha das "best new things" do pop británico do ano en curso. E todo debido ao tremendo impacto que está a causar o seu segundo disco, "Hinterland", publicado en marzo, que logrou que o seu post-punk moderno e nada compracente dese o salto de recoñecemento que xa se intuía, e que tamén merecía, o seu debut longo de 2010, titulado "Nerve Up" (ambos os dous no selo Warp). Se aquel era máis tirante e entrecortado, tamén máis esotérico e atractivamente deprimente, a súa nova entrega loce maior riqueza e amplitude, ademais de accesibilidade. En ambos os dous as influencias son benvidas, pero non se calcan. LoneLady móstrase como unha habilidosa intérprete pop capaz de recrear dende ecos de Kate Bush ata outros da Björk de "Biophilia" e facelo dentro dun molde que revive (aínda que dende o día de hoxe e sen medo e de fronte) o Manchester de 1982 e aquelas noites en Hacienda. Ou dito doutro xeito, e como escribiron na recensión do disco da web ’Quietus’, "Hinterland ’ é un álbum xoguetón e unha combinación vibrante e urxente de xenealoxía e visión, que é o que realmente fai que sexa unha obra mestra. Campbell non só ten habilidade creativa para dar saída a unha música tan ricamente evocadora, senón que ademais o fai entre acenos e cun sorriso".

MERCAR ENTRADAS