Festival Sinsal Logo

Omar Souleyman

14 Jul 2010
Xardíns Mendez Núñez -

A Coruña


Free

Omar Souleyman é un músico sirio que leva máis de 500 cassettes editadas no seu país e que só nos últimos anos se asoma ao circuíto occidental. A súa carreira comeza no 1994 mesturando diversos estilos nunha nova música festiva folk-pop coñecida como dabka que arrasa nos quioscos e gasolineiras do seu país e dos países veciños, visita habitualmente Arabia Saudí, Líbano ou os Emiratos Árabes Unidos. No 2006 edítase en occidente, no selo americano Sublime Frequencies, un disco con temas que comprenden os seus dez anos de carreira e que sorprende pola súa falta de prexuízos para xogar coas tradicións e facturar música absolutamente moderna, sen concesións á galería e sen deixar de ser árabe. A súa posta en escena é canto menos sorprendente, acompañado ao sintetizador Korg por Rizan Sa’id e con Mahmoud Harbi, o poeta responsable das letras, ao seu carón fumando e apuntando ao oído de Omar Souleyman os cambios que cre oportunos nas letras. Os recitais son unha experiencia festiva de celebración, non é de estranar a súa sona como músico de vodas no seu país, escoitalo é asomarse a outra clase de festa, unha que non termina e que se reinventa continuamente sen perder frescura e cor. Omar Souleyman transmite aplomo e seriedade mentres ao seu redor o mundo tolea nunha clase estrana de rave mántrica que podería estenderse sen final aparente.

JPEG - 79.5 KB