Festival Sinsal Logo

Pram

02 Apr 2009
Salón Teatro -

Santiago Compostela

Pram
1 de abril, no Auditorio do Centro Cultural Caixanova ás 21 horas

De haber discotecas en Saturno, o último álbum de Pram, The moving fronter (2007), sería alí un crebapistas. Un número un marciano e sideral, ateigado de melodías de xoguete hipnóticas e asmáticas ("The empty quarter"), de texturas engurradas e minimalistas ("Iske), de camiños pracenteiramente cósmicos ("Beluga"). Pero a historia de Sam Owen, Matt Eaton e Max Simpson, comandados pola voz espectral de Rosie Cuckston, comezaba en Birmingham na década dos 90, no selo Too Pure, ao tempo que a primeira fornada de bandas post-pop (Laika, Mouse on Mars, Seefeel, Moonshake, Stereolab, ...). Con Helium (1995), The museum of imaginary animals (2000) ou Dark island (2003) demostraron andar sobrados de habelencia e mestría para cruzaren lounge con electrónica e algunhas pingas de jazz, en alucinados universos paralelos. Pram soan coma unha boa película de ciencia ficción, sen efectos especiais de mercadotecnia, entre David Lynch e Tim Burton, ás veces desacougantes e outras, doces e tenros. Ao vivo tecen as súas cancións á calor de imaxes de seu ou de vellos filmes experimentais en branco e negro, aventurándose sempre ao outro lado do espello de Alicia. Case dúas décadas despois, ben acreditados pola fantasmágorica emulsión de ventos, xilófonos, theremíns, teclados e marimbas do aplaudido The moving fronter, o grupo británico aínda non perdeu nin un gramo de vixencia, quer no estudio de gravación como enriba dun escenario.

Ligazóns:
Official Pram Site
Distant Squalls
Superchouette
Pram on Myspace

JPEG - 56.2 KB