Festival Sinsal Logo

Sinsal é Normal

24 outubro a 23 de novembro de 2012 NORMAL | A Coruña

CONCEPTO

Un novo concepto de Festival, de intervención, de colaboración, de participación. Un festival á carta, aberto á colectividade, en progresión e itinerante. Unha proposta pensada para a rede social e que debe empezar, ou rematar, nela. Porque SINSAL É NORMAL é un espazo de relación e comunicación.

OBXECTIVOS

SINSAL É NORMAL é un festival cuxo obxectivo principal é romper a liña do tempo. Pensado desde o presente para revivir o pasado e proxectar o futuro. Intervimos coas novas tecnoloxías na recuperación, valor e exhibición do pasado, actualizando as emocións dun tempo remoto como novo incentivo na sociedade dixital de noso era. Trátase de expor as sensibilidades doutra época partindo dun discurso
contemporáneo da arte e, ademais, xerando documentación por e para a cidadanía, de hoxe e de mañá.

Buscar, experimentar, crear, documentar, conservar, son algunhas das accións vivas que estarán presentes en cada unha das seccións abertas de SINSAL É NORMAL. Un conxunto de propostas onde a música adquire outro protagonismo máis aló da sala de concertos efémera. Porque SINSAL É NORMAL nace coa necesidade de innovar fronte a un modelo esgotado de exhibición que fixo da representación un evento pasivo.

Se a cultura é unha necesidade, non o é menos xerar espazos de encontro. Entendemos, que nos tempos actuais a oferta cultural debe favorecer e potenciar este tipo de plataformas abertas á socialización. É unha prioridade romper as barreiras conceptuais e xestionar diferentes posibilidades que impliquen a públicos alleos á cultura especializada.

ESPAZOS de PROGRAMACIÓN

Ao longo dun mes de programación, con case vinte actividades proxectadas, o Festival SINSAL É NORMAL organizará diferentes espazos de creación onde a música conectará con outras disciplinas: o cine doméstico, a fotografía, a literatura, o coleccionismo, a arte plástica, a danza, a radio, o vídeo, etc. Todas as artes terán o seu punto de encontro en sucesivas aparicións dentro dos escenarios: Laboratorio; Super8, Escritorio, Escola Sinsal, Performances, Club Sinsal, etc. Diferentes nomes dun único festival: SINSAL É NORMAL.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

SINSAL É NORMAL non é un festival pechado. Nace co obxectivo principal de unir públicos. Persoas que non están interesadas na música, poden participar nunha experiencia diferente aportando o seu soporte visual. Por iso, varios dos escenarios están abertos á participación pública. O escenario de música ambiental (ou experimental) pode ser a banda sonora perfecta para acompañar a eses negativos de fotografía gardados na casa que positivaremos outra vez en directo. Por outra banda, se o interese está no cine doméstico, coleccionaremos películas de Super8 familiares que proxectaremos mentres grupos locais interpretan a súa música. En cada unha destas actividades, as persoas poderán participar aportando o seus negativos de fotografía ou películas de Super8, segundo unha convocatoria aberta a toda a cidadanía.

PROGRAMACIÓN POR DÍAS E ESPAZOS

- 24 de outubro

Inauguración da exposición O disco é NORMAL
Hora: 20.00 h.
Entrada: libre até completar aforamento

O disco é NORMAL é unha introdución á historia do soporte sonoro e á súa incidencia no mundo da música, a arte plástica e a sociedade do século XX. A exposición repasa os principais acontecementos na evolución do rexistro sonoro e presenta algúns dos seus obxectos máis relevantes, ao tempo que incide na importancia da gramofonía como centro de inspiración nas diferentes linguaxes artísticas.

Colabora:
Cidade da Cultura de Galicia

ESPAZO PERFORMANCE

Performance-cinema.
La Brecha (Rodrigo Losada, Marcos Nine, Bettina Korten, Ximena Losada, Elena Duque e Miguel Mariño ).
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

O proxecto artístico multidisciplinar de La Brecha desembarcou en NORMAL cunha instalación e un laboratorio aberto ao público no que exploraron o límite entre materiais considerados lixo e materiais utilizables nunha obra de arte. Agora ofrecen unha performance que afonda nesa experimentación, coa creación en vivo de varias diapositivas elaboradas a partir de residuos e a súa proxección inmediata.

- 25 de outubro

ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE

Lingua, música e literatura en Galicia: Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Escritor e xornalista traducido a máis de vinte linguas. Premio Nacional de Narrativa en 1996 e doutor honoris causa pola Universidade da Coruña. A súa última novela é Todo é silencio (Xerais, 2010), da que se prepara unha versión cinematográfica dirixida por José Luis Cuerda. Este mes publica o conxunto de relatos autobiográficos As voces baixas (Xerais).

Xosé Manuel Pereiro (Monforte de Lemos, 1956). Xornalista, guionista, ex traballador de TVE en Galicia e columnista de El País, La Opinión de A Coruña e Faro de Vigo. Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Algúns dos seus artigos están reunidos en Si home si (Xerais, 2001). Na década dos anos oitenta liderou a banda coruñesa de punk Radio Océano.

Coordina o xornalista Iago Martínez / Colabora: Espacio SIRVENT

- 31 de outubro

ESPAZO SÚPER8

Cine Súper8 en directo co concerto de Nouvelle Cuisine.
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Nouvelle Cuisine. Formada en 2001 na Coruña, a banda debuta en 2007 con Autodictado e recunca un ano despois con De memoria. Tras varios cambios, con entradas e saídas, o grupo fórmano agora Javier Garrido, Carlos Lens e Edu Poch. A súa última referencia é La guerra del volumen (2010), un EP gravado nos estudios de Arturo Vaquero en Abrigueiro (Lugo).

Proxeccións e montaxe visual Grupo S8.

- 2 de novembro

ESPAZO LABORATORIO

Laboratorio de Fotografía coa música experimental en directo de Like Drone Razors Through Flesh Sphere.
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Like Drone Razors Through Flesh Sphere. Drone Doom Metal español e sen apelidos. Banda experimental, case anónima e de culto. En activo dende 1999, acumula xa nove álbums, dous EP e numerosos singles e discos compartidos con outros proxectos. Publican en Black Mass e a maioría das súas copias son únicas e feitas a man. Un misterio contundente.

- 5 de novembro

ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE

Escribir sobre música: David Saavedra e Javier Becerra.
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

David Saavedra (Santiago de Compostela, 1971). Sociólogo e xornalista musical. Pasou pola redacción do extinto Diario 16 e actualmente traballa como freelance, con base en Madrid, para La Luna de Metrópoli, Rockdelux, Vodafone Music Blog, notodo.com e numerocero.com, entre outros medios especializados. Na rede mantén a bitácora Perdiendo mi eje.

Javier Becerra. Licenciado en Dereito e redactor de La Voz de Galicia e dos programas Xente Emerxente e V Clips do canal V Televisión. No campo da crítica musical, fundou e codirixiu o magazine en liña www.feedback zine.com e colaborou na revista especializada Ruta 66. Na rede mantén o blog Retroalimentación, aloxado pola cabeceira xeneralista da Coruña.

Coordina o xornalista Iago Martínez / Colabora: Espacio SIRVENT

- 7 de novembro

ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE

A música na literatura galega: Mario Regueira e Xesús Fraga
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Filólogo e escritor. Como narrador, ten publicado Rebelión no inverno (Xerais, 2004), L’affiche rouge (Xerais, 2007) e Outono aquí (Sotelo Blanco, 2012). Como poeta, Tanxerina (Espiral Maior, 2006), Blues da crecente (Espiral Maior, 2009) e O silencio (Xerais, 2012). Tamén é autor do ensaio Lois Pereiro. Unha persecución (2.0 Editora, 2011).

Xesús Fraga (Londres, 1971). Xornalista de La Voz de Galicia, tradutor e escritor. Como narrador ten publicado Tute para catro (2000), A-Z (2003) e Solimán (2004). Súas son tamén as versións galegas de Arthur & George, de Julian Barnes, e Lolita, de Nabokov, entre outras. En 2011 publicou 50 recetas con moras y otros frutos
silvestres
(Alvarellos Editora).

Coordina o xornalista Iago Martínez / Colabora: Espacio SIRVENT

- 8 de novembro

ESPAZO LABORATORIO

Laboratorio de fotografía coa música experimental en directo de Roberto
Mallo
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Roberto Mallo. Músico experimental, interesado na improvisación e nos procesos de realimentación e a reapropiación de excedentes da sociedade de consumo, sexa co saxofón ou con dispositivos electrónicos. Como técnico é tamén responsable do son rexistrado de bandas como Srasrsra, Tora! Tora! Tora!, Trajano, Los Televisores ou Franc3s.

- 9 de novembro

ESCOLA SINSAL: CONFERENCIA

Conferencia sobre "O disco é NORMAL" con Anki Toner (Barcelona) e Julio Gómez (Sinsalaudio)
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Anki Toner (Barcelona) é un polifacético músico e estudoso da relación entre música e propiedade intelectual. Foi cantante, harmónica e letrista de Superelvis. Actualmente é cantante do grupo de rock electrónico Ankitoner Metamars e único membro do proxecto File Under Toner, co que explora os límites da razón na música e onde desenvolveu un live act a partir do cd This Is The End, Beautiful Friend (Hazard Records, 2008) que foi censurado por "problemas co contido" a pesar de
estar feito de silencios.

Julio Gómez (Vigo) é coordinador do Festival Sinsal, produtor cultural de Sinsalaudio e investigador sonoro co colectivo Escoitar.org. Tamén é o responsable dos contidos da Escola Sinsal e SOSOaudio, o selo discográfico galego especializado na recuperación de formatos sonoros do pasado.

- 10 de novembro

ESCOLA SINSAL: OBRADOIRO FAMILIAR

Obradoiro da Escola Sinsal para públicos familiares sobre A Historia Da
Música Enlatada
.
Hora: 11.30 h.
Inscrición e información: en info@istoenormal.org e no teléfono 981167000 (extensión 4502)

A Escola Sinsal presenta un obradoiro para públicos familiares sobre a Historia da Música Enlatada. Un repaso polo soportes sonoros onde xogaremos cos diferentes formatos físicos.

- 10 de novembro

CLUB SINSAL: MÚSICA INTERNACIONAL

Actuación do artista francés Michel Cloup (Experience)
Hora: 20.30 h.
Entrada: 5 Euros
Venda: puntos físicos na Coruña e Santiago de Compostela. Máis información proximamente.

Michel Cloup é o hiperactivo cantante e guitarrista en moitos proxectos desde os 90: Diabologum, Experience e, máis recentemente, a banda franco-americana Binary Audio Misfits. Michel Cloup regresa en formato dúo con Patrice Cartier (tamén batería en Experience e Binary Audio Misfits) e un novo proxecto co que presenta o seu disco "Notre Silence".

- 12 de novembro

ESPAZO ESCRITORIO: DEBATE

A literatura na música galega: Daniel Salgado e Xurxo Souto
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Daniel Salgado (Monterroso, 1981). Xornalista de El País en Galicia, tradutor de Allen Ginsberg ao galego e de Lois Pereiro ao castelán, poeta e membro do grupo DasKapital, que debutou en 2011 co LP Ruído Negro. Os seus últimos libros son Os poemas de como se rompe todo (Sotelo Blanco, 2007), Ascension (2010) e Ruído de fondo (Xerais, 2012).

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Filólogo de formación, desenvólvese en múltiples campos. A máis coñecida é a súa faceta musical, como cantante e acordeonista nos Diplomáticos de Monte Alto e nos Tres Trebóns. Como escritor ten publicado varios libros de relatos, unha colección de artigos e a novela O retorno dos homes mariños (Xerais, 1999). Veterano locutor radiofónico (A tropa da tralla), entre 2005 e 2009 foi subdirector de programas na Radio Galega.

Coordina o xornalista Iago Martínez / Colabora: Espacio SIRVENT

- 15 de novembro

ESPAZO SINSAL CLUB: MÚSICA INTERNACIONAL

Actuación do grupo holandés The Ex
Presentación en Galicia dun dos grandes grupos do rock europeo dos últimos 30 anos.
Hora: 20.30 h.
Entrada: 10 Euros
Venda: puntos físicos na Coruña e Santiago de Compostela. Máis información proximamente.

The Ex. Formada nos Países Baixos en 1979, a banda intégrana hoxe Katherina Bornefeld, Andy Moor, Terrie Hessels e o vocalista Arnold de Boer, quen substitúe dende hai dous anos o fundador G. W. Sok. Punk experimental en permanente discusión. Improvisación libertaria e politicamente consciente. Un ollo sempre contra o rock e outro con África. Máis de trinta anos de traballo e unhas corenta gravacións recoñecidas. O seu último disco en solitario é Catch My Shoe (2010).

- 16 de novembro

ESPAZO PERFORMANCE

Danza-Performance. Cara Pintada (Janet Novás)
Hora: 19.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

“O meu corpo como un pequeno país, como un obxecto para representar pequenas historias que se converten nunha. Bocas abertas, sedentas, afogadas no seu propio pranto ou na súa propia gargallada, sons enxordecedores e invisibles. Só hai un obxectivo: sentir algo, non importa o que.” (Janet Novás)

ESPAZO SUPER8

Cine Super8 en directo co concerto de Mano de Obra
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Mano de Obra. Dous EP, Imperio Cobra e Cámara de cría, ambos autoeditados e difundidos na rede ao longo do último ano, avalan a proposta distópica e retrofuturista de Mano de Obra. Con base na Coruña, forman o comando Coco Lens (baixo e voz), Víctor García (teclados) e Alberto Vázquez (batería).

Proxecións e montaxe visual Grupo S8.

- 17 de novembro

ESCOLA SINSAL: OBRADOIRO PÚBLICO FAMILIAR

Obradoiro da Escola Sinsal para públicos familiares con Músicas para Peto
de Ariel Ninas
Hora: 11.30 h.
Inscrición e información: en info@istoenormal.org e no teléfono 981167000 (extensión 4502)

Obradoiro a cargo do músico Ariel Ninas (Santiago de Compostela, A Central Folque). Instrumentista e compositor polifacético con innumerables proxectos que van desde a música popular até a paisaxe sonora. Diferentes estilos que sempre traballa desde a perspectiva sonora da zanfona e os instrumentos de peto.

- 19 de novembro

ESPAZO LABORATORIO

Laboratorio de Fotografía coa música experimental en directo de Miguel
Prado
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Miguel Prado. Nado na Coruña en 1985, é un artista que traballa coa improvisación, o son, o silencio e a performance. Trata de cuestionar as nocións de espectáculo e os seus roles, a autoría, a produción artística e as expectativas creadas ao seu arredor. Arestora traballa en Nzʉmbe, un dos seus últimos proxectos, onde explora as contradicións do dispositivo crowdfunding.

- 22 de novembro

ESPAZO PERFORMANCE

Perfo-poesía. (Retro)visor (Antía Otero e Isaac Garabatos)
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Trátase dun proxecto de Antía Otero e Isaac Garabatos. (Retro)visor parte da feble liña que separa o real da ficción e faise poema escénico tomando a palabra, a música, a acción e a gravación en vivo dunha road movie en plano secuencia.

- 23 de novembro

ESPAZO SUPER 8: CLAUSURA

Cine Super8 en directo co concerto de Ulrica
Hora: 20.30 h.
Entrada: libre até completar aforamento

Ulrica. Novo proxecto do vocalista, guitarrista e compositor coruñés Pedro Granell (Eskizos, Kozmic Muffin, Sils-María) con Iago Alvite (baixo) e Samuel Pérez (batería). Un encontro inverosímil entre Bill Callahan e Einstürzende Neubauten. Tras presentarse na rede con tres temas propios e unha adaptación dun poema de Lois Pereiro, prepara o seu debut para este outono.

Proxeccións e montaxe visual Grupo S8.

PROGRAMACIÓN

PDF - 1.1 MB