Festival Sinsal Logo

Sunnn o)))

01 Feb 2010
Museo MARCO -

Vigo


15€

Sunn O))) son unha das bandas máis radicais de entre a nova fornada do black metal, e sorprendentemente tamén das que contan con maior número de seguidores, as súas xiras son auténticos acontecementos que non permiten a indiferencia, así o atestemuñan entre a crítica o seu paso nos últimos anos polo Sónar ou o Primavera Sound. A actual xira europea só ten catro paradas na península; Vigo, Lisboa, Madrid e Barcelona.

A banda formada por Stephen O´Malley e Greg Anderson ten aínda quente entre os mellores do 2009 o seu último disco, Monoliths & Dimensions, un novo paso na súa carreira que supón a súa obra máis ambiciosa, percorrendo o camiño entre o minimalismo e o abstracto, máis acompañados que nunca e sen renunciar a levantar rañaceos de drones. Monoliths & Dimensions é iso, unha obra arquitectónica fóra das tres dimensións, ou máis alá.

Sunn O))) toman o seu nome dunha xa desaparecida marca de amplificadores, Sunn Musical Equipment Company, os seus preferidos e dos que o seu son é dalgún xeito debedor, tamén fai referencia ao seu admirado grupo Earth e á rotación da Terra ao redor do Sol. Levan sete álbumes de estudio, a maioría no seu propio selo, Southern Lord Records, berce de moitas outras propostas dentro do black metal.

Definir a Sunn O))) sen falar de apocalipse non é doado, en calqueira caso dicir que traballan unha posta en escena de ambiente sepulcral, afundidos baixo as súas capuchas negras enchen as salas de fume para levar a vibración das súas guitarras ao fondo do peito do público, fai de nós caixas de resonancia para o seu ritual. O Salón Sinsal convertirase por unha noite nun escuro recipiente onde a banda drone doom construirá os seus muros infranqueables de puro son.

JPEG - 79.8 KB
JPEG - 115.9 KB
JPEG - 48.7 KB